Soporte
Se algo non vai, escribe a hola@reditu.diezcien.com co modelo de móbil e que pasou. En beta, contestamos persoas, non un formulario.
Os permisos, un a un
Reditu pide permisos raros para unha app normal, pero correntes para unha que ten que seguir viva co móbil gardado. Pídense ao comezar a primeira excursión e algúns hai que activalos a man na Configuración: Android non deixa concedelos desde un diálogo.
- Localización «sempre»: sen isto o teu grupo deixa de verte en canto bloqueas a pantalla. Android pídeo en dous pasos: primeiro «Mentres se utiliza a aplicación» e logo, desde Configuración → Reditu → Permisos → Localización, «Permitir sempre».
- Mostrar sobre outras aplicacións: é o que permite pintar a tira enriba do GPS. Actívase en Configuración → Reditu → Mostrar sobre outras aplicacións. Se non o dás, a app segue funcionando, pero só a ves abríndoa.
- Batería sen restrinxir: se o aforro de batería está activo, o sistema pode adormecer a app a metade da ruta. Na Configuración → Reditu → Batería, escolle «Sen restricións».
- Bluetooth: só para saber se levas intercomunicador conectado e falar por el en lugar de polo altofalante do móbil. Non accedemos a nada máis.
Xiaomi, Huawei, Oppo e compañía
Estas marcas teñen o seu propio xestor de batería, por riba do de Android, e pechan apps en segundo plano aínda que lles deses todos os permisos. Se o teu grupo te ve desaparecer a metade da saída e tes un destes móbiles, busca «inicio automático» ou «autoarranque» nos axustes e actívao para Reditu. Escríbenos e dicímosche onde está no teu modelo.
Problemas frecuentes
- Un compañeiro sae en gris: gris é «sen sinal»: perdeu cobertura ou GPS. A barra segue amosando a súa última posición coñecida e a hora.
- Non soa nada polo intercomunicador: comproba que o intercomunicador estea emparellado antes de comezar a excursión. Se non o detecta, o aviso sae polo altofalante do móbil.
- A app non avisa de nada: é o normal: só rompe o silencio unha petición de axuda ou un descolgue de verdade. Os primeiros minutos tras arrancar tampouco avisan, porque o grupo sae escalonado.
- Pechei a app á forza: se a paras desde a Configuración, Android impide que volva soa. Hai que abrila outra vez a man para seguir emitindo.
Novidades da beta
Que cambiou en cada versión, contado en dúas liñas. Proximamente.
Versión para iPhone
Chegará despois de Android. En iPhone a tira non pode ir enriba doutras apps, así que o estado do grupo verase na Illa Dinámica e na pantalla de bloqueo. Escríbenos se queres que te avisemos.